Este martes, día 14, a partir das 20:00 horas na Biblioteca municipal de Gondomar, celébrase a sesión de abril do club de lectura Sete Vidas. Nesta ocasión poderemos compartir o Menú de enganos e as Instrucións para tomar café que nos preparou o excelente chef Manuel Núñez Singala, quen tamén nos acompañará na degustación (ou re-degustación), a partir das 21:00, desta variada e lixeira, pero ao mesmo tempo contundente e profunda, combinación de literatura con sabor. Historias gorentosas para darlle gusto ao padal, para mastigar devagar, para saborear e repetir. Un menú completísimo.
Na sesión de marzo falamos de Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño. Tamén vimos a presentación que fixo Begoña Caamaño de Morgana en Esmelle na Feira do Libro de Vigo e rematamos escoitando un texto que, xenerosamente, gravou Ana Romaní, poeta, compañeira e amiga de Begoña Caamaño, para a nosa sesión. Estas son as imaxes dese día.