Este mércores 15 de abril, ás 18 horas, na sesión de dinamización lectora da Casa da Lectura haberá unha rúa, un paso de peóns, algunhas bolboretas, xardíns de flores e unha carta perdida. Pero, de que falará a carta? Algo hai un tempo que chegou…
Nesta viaxe sorpresa haberá cancións e dous contos: A rúa da tixola, de Charo Pita e Massimiliano di Lauro (OQO Editora), e A noite das mudanzas, de Pep Bruno e Lucie Müllerová (OQO Editora). Agardámosvos!
Na sesión da semana pasada, a bordo de “O trenciño rebuldeiro” e con “Un tren cargado de misterios” fomos de viaxe polo mundo enteiro. Cantamos, tivemos que solucionar sete adiviñas, con cada adiviña unha caixa azul que contiña unha peza dun crebacabezas. Aprendemos o que significa ” palíndromo” e finalmente entre todos construímos o noso trenciño rebuldeiro que quedou na Casa da Lectura para futuras viaxes. Estas son as imaxes dese día.