O vindeiro sábado 29 de novembro, ás 12:00h, comezamos de novo o club de lectura compartida Lendo Contigo, que se celebrará, como é habitual, na Biblioteca Municipal de Gondomar. Como sabedes, este club de lectura, dirixido a nais e pais e nenos e nenas de 8 a 11 anos, consiste en lermos unha mesma obra literaria e reunirnos para falar sobre ela co seu autor ou autora os últimos sábados de cada mes.
Desta volta, o libro que imos ler será Boas Noites (Xerais, 2007) e contaremos coa presenza da súa autora, Paula Carballeira, que de seguro nos fará pasar unha mañá moi agradable e interesante falándonos e contándonos cousas da súa obra, que foi gañadora do I Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2006.
Paula Carballeira naceu en Maniños, Fene, no ano 1972 e xa dende pequena, como ela mesma afirma, tivo “unha certa inclinación a fabular outros mundos, preferentemente na literatura e no teatro”. Dedícase profesionalmente ao teatro, á televisión (participa como actriz en series como Libro de familia) e á narración oral. Ademais de todo isto, aínda lle queda tempo para impartir cursos de promoción e animación á lectura e para escribir. Ten publicadas varias obras, sobre todo de literatura infantil e xuvenil, como A percura (1990), Troulas, andainas, solpores e unha farsa anónima (1996), Olo-iepu-iepu (1999), Mateo (1999), Un porco e unha vaca xa fan zoolóxico (1999), Paco (2001), Correo urxente (2001), A era de Lázaro (2004), Smara (2006) e Boas noites (2007).