Igual que en anos anteriores, o equipo de dinamización de Espazo Lectura percorreu os centros de ensino que son socios protectores da asociación con varias propostas de fomento da lectura: A maxia, Petróglifos, Monstros e demais e O ciclo da auga. Participaron nas sesións nove centros de ensino: CEIP Chano Piñeiro (Gondomar), CEIP Souto-Donas (Gondomar), CEIP Serra-Vincios (Gondomar), CEP Xosé Neira Vilas (Gondomar), CRA Antía Cal (Gondomar), CEIP Belesar (Baiona), CPI Cova Terreña (Baiona), CEP A Cruz (Nigrán), e CEIP Carlos Casares (Nigrán).
Todas as sesións se realizaron nos propios centros agás a do CRA Antía Cal que tivo lugar na Casa da Cultura de Gondomar.
Con estas actividades Espazo Lectura quere achegar o seu traballo de fomento da lectura a todas as aulas do Val Miñor e agradecerlles aos colexios citados a súa colaboración na difusión do traballo da asociación.
Moitas grazas ao equipo de contadores e contadoras (Irene, Luís, Rosa, Trini e Rosana), que con palabras, silencios, xestos, música… e libros tratan de engaiolar os nenos e nenas coa lectura.