O día 9 de xuño, a partir das 18.30 horas, a Casa da Lectura celebra a penúltima sesión de dinamización lectora antes de coller vacacións de verán.
Desta volta, malia a chuvia, decidimos saír á procura de aventuras, saír de viaxe do xeito máis arroutado e imprevisible: coa imaxinación. Acompañando a dous ratiños aventureiros faremos unha viaxe cargados cun fardel de curiosidades. Por onde pasemos, enviaremos postais de recordo. Alguén dubida de que será marabilloso? Que ninguén quede atrás!
Un mércores máis, mentres abrimos libros, abriremos tamén portas que nos conduzan a novos lugares onde colleitar coñecemento e imaxinación. Tal e como sucedeu a semana pasada, cando a través dos contos que nos contaron Rosana e Bea, nos somerxemos nas profundidades do mar. Estas son algunhas imaxes que reflicten o mergullo.