O día 12 de xaneiro arranca o novo ano para o club de lectura Sete Vidas, que dedica a súa sesión mensual a comentar a novela O sexo masculino dos anxos, do noso veciño Manuel Janeiro (nado en Madrid, namorado de Vigo e do Val Miñor nos veráns da infancia que pasou en Panxón, e residindo hoxe en Peitieiros). Ademais de escritor, Janeiro é deseñador gráfico e fundador, xunto con Francisco Mantecón, do primeiro estudio de deseño gráfico de Galicia a finais dos setenta e é responsable de máis de 3.000 cubertas de libros de editoriais como Galaxia, Gredos, ou institucións como o Consello da Cultura Galega ou a Real Academia Galega.
A cita será na Biblioteca de Gondomar ás 20:00 horas.
No mes de decembro contamos coa presenza de Fran P. Lorenzo que comentou con nós a súa novela Cabalos e lobos. Lorenzo foinos desvelando as razóns da súa escrita: a necesidade de explicarse Vigo, paradigma de Galicia; a necesidade de contar as historias que forman parte da súa familia; a elección do edificio Albo, escenario-protagonista da novela, proxecto e realidade frustrada, como emblema e metáfora da cidade que puido ter sido; cómo habitamos os espazos e cómo os espazos nos habitan; o asentamento dos alemáns na cidade; a necesidade de contar e contextualizar a relación amorosa homosexual que aparece na novela; o descubrimento da Privada Moderna, un espazo insólito ignorado no centro da cidade; e moitas máis cousas…