En abril de 2009 celebrouse o cincuenta aniversario da publicación en Bos Aires dunha obra capital para a literatura galega, A esmorga de Eduardo Blanco Amor. Unha crónica negra que narra a autodestrución de tres personaxes (o Cibrán, o Bocas e o Milhomes) que durante unha noite de parranda por un Ourense urbano e marxinal nos conducen cara ás profundidades do ser humano e nos amosan a súa fraxilidade.
Un ano despois da celebración desa efeméride, e coincidindo coa representación nos escenarios galegos da obra teatral A esmorga adaptada por Sarabela Teatro, o Club de Lectura Sete Vidas achégase a este clásico cunha sesión dobre:
- O martes 6 de abril, a partir das 20.00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar, celebraremos a sesión habitual dedicada a falar sobre a novela.
- O sábado 24 de abril, ás 20.30 horas: asistiremos á representación teatral de A esmorga a cargo de Sarabela Teatro no Centro Cultural Caixanova de Vigo. Montaxe recoñecida como mellor obra teatral na gala dos Premios María Casares 2010, celebrada no mes de marzo.