Agustín Fernández Paz no club de lectura Sete Vidas

O martes 8 de novembro tivemos o pracer de recibir a Agustín Fernández Paz no club de lectura Sete Vidas para falar da súa novela Non hai noite tan longa cos máis de 20 lectores e lectoras que se achegaron á biblioteca de Gondomar.

Logo dunha primeira parte na que os participantes conversaron, entre outras cousas, do ben que reflicte a novela aspectos como o sentimento de culpa das vítimas do franquismo, o silencio autoimposto na sociedade ou o clima abafante que se vivía nas pequenas vilas de Galicia, Agustín Fernández Paz incorporouse á tertulia para dar toda unha lección sobre o oficio de escribir.

En primeiro lugar, respondendo ás preguntas dos lectores, falounos da súas “obsesións” literarias que unha vez máis aparecen neste libro: a inxustiza e as diferenzas de clase, o seu amor polos libros e as películas, a aparición de fantasmas… Despois, contounos polo miúdo como foi o proceso de creación desta obra: amosounos o caderno de follas amarelas onde escribiu á man o primeiro bosquexo da novela, así como as fichas, esquemas e planos de lugares cos que deseñou a estrutura da obra, antes de escribir unha primeira versión no ordenador que sería o material do que partir para comezar a traballar na versión definitiva do texto. Todo isto salpicado de anécdotas da súa vida e un gran sentido do humor que fixo realmente a agradable a conversa.

Para finalizar, dedicou a todos os lectores e lectoras cada un dos exemplares do libro.


Un comentario

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *