Agustín Fernández Paz, sempre

Desde Espazo Lectura queremos expresar o noso fondo pesar polo falecemento de Agustín Fernández Paz, un verdadeiro barco-insignia da literatura galega e, sen dúbida ningunha, un dos autores que máis apoiou, desde o comezo, o labor de Espazo Lectura. Autor enormente recoñecido, premiado, traducido e reeditado, Agustín Fernández Paz mantivo unha constante colaboración coa nosa asociación, ante a que mostrou un constante entusiasmo. Coa súa desaparición, sentimos a perda dunha figura de inmenso calado para a literatura e a cultura galegas e universais. En decembro de 2007, mesmo antes de que Espazo Lectura estivese constituída formalmente, Agustín xa inaugurou o Club de Lectura compartida Lendo Contigo na Biblioteca de Gondomar (reproducimos vídeos) compartindo coas nenas e nenos un encontro en torno ao seu libro Un tren cargado de misterios. Desde entón, considerámolo o noso padriño. Un ano despois recibía o Premio Nacional de Literatura polo seu libro O único que queda é o amor. En maio de 2009, non quixo perderse o acto de inauguración da Casa da Lectura, na parroquia de Donas, en Gondomar, e desprazouse ata alí para apoiarnos simplemente coa súa presenza. Ese mesmo ano, no mes de outubro, Agustín participou nas xornadas Lendo en Familia que Espazo Lectura organizou no Centro Neural de Gondomar, impartindo a conferencia de clausura baixo o título o «A descuberta do mundo». En xaneiro de 2010, volveu participar no Club de Lectura compartida Lendo Contigo, esta vez a nun encontro a través de videoconferencia cos lectores e lectoras do seu libro Valados, no marco do Día escolar da non violencia e pola paz. Volveu participar nas actividades de Espazo Lectura en novembro do 2011, no Club de lectura Sete Vidas, que contou cunha nutrida asistencia que deu conta da súa novela Non hai noite tan longa. En decembro do ano seguinte, unha representación diversa dos lectores e lectoras de Gondomar trasladáronse a Pontevedra, a petición da organización do Culturgal, para manter un encontro público en directo con Agustín Fernández Paz no transcurso da Feira das Industrias Culturais. Finalmente, en decembro de 2013, o Club de Lecturas Debuxadas de Espazo Lectura, conxuntamente co Club de Lectura Sete Vidas, reuniron nun mesmo encontro a Agustín Fernández Paz e mais ao ilustrador e autor de novela gráfica Antonio Seijas, que adaptou ao cómic a novela Cartas de inverno. Ademais, en numerosas ocasións, Agustín mostrou o seu apoio, solidaridade e empatía co proxecto de Espazo Lectura. Nós tivemos a sorte de poder contar con el. En Espazo Lectura, sentiremonos acompañados por Agustín e pola súa palabra, sempre.

 

 

 

Un comentario

Os comentarios están cerrados.