A actividade comezará ás 10:30h no Parque da Coelleira, en Gondomar. En sete zonas habilitadas por todo o parque, os colexios compartirán contos uns cos outros. En cada punto, unha profesora de cada colexio contará un conto tres veces e os nenos e nenas, organizados en quendas, moveranse polo parque escoitando os diferentes contos. En cada zona serán recibidos polo voluntariado de Espazo Lectura que lle dará vida aos personaxes das historias que os nenos e nenas van escoitar: Nadarín, Carabuñas, O paxaro Pico, Rosa Caramelo, Rato Tom e rata Tomasa, O País dos mandóns e O gato na árbore.
Con esta actividade Espazo Lectura quere celebrar o Día do Libro sacando os contos a un espazo público co obxectivo de visibilizar a lectura e crear espazos e tempos para ler e compartir lecturas, como xa fixo noutras accións lectoras anteriores como a Sentada Lectora de abril de 2012 ou o Asalto poético de xaneiro de 2013. Ademais, Espazo Lectura pretendía tamén que na Semana do Libro e a Lectura tivesen un protagonismo especial os colexios, piar fundamental no fomento da lectura e dos hábitos lectores na nosa sociedade.