O sábado 24 de novembro tivo lugar a sesión do Lendo contigo co escritor Daniel Ameixeiro e o seu libro Bonifacio foi a palacio.
En canto abrimos o libro a maxia da súa historia inundou a Biblioteca de Gondomar de imaxes que non sabiamos se correspondían á realidade ou á fantasía. Das súas páxinas chegou o autor nunha chuvia de palabras a coro e contounos moitas cousas sobre Bonifacio. Logo, os personaxes, que fuxiran do libro polo burato aberto polos nosos soños, achegáronse a nós: a Princesa Liela, o Mago Rododendro, o Príncipe Rampante, o Príncipe Liorteiro, Adosinda, o Cabaleiro Poeta, a Raíña Meendiña, o Doutor Ruperto… Co tempo detido o espazo era un túnel, un corredor que conectaba a forza da imaxinación co cristal dos nosos ollos. Pero nada é para sempre e todo ten un lugar: os personaxes debían volver ao seu mundo de castelos e princesas, de crocodilos vexetarianos e dragonas con biberón e nós debiamos continuar a nosa vida. Hai unha orde no universo que non se debe alterar… Si, a mesma chuvia de palabras, a mesma fervenza serviu para pechar o libro e que as nosas pálpebras caesen nun breve sono. Dixemos entón adeus a Bonifacio e fomos ao seu palacio… Ou foi el quen veu a nós?
O sábado 22 de decembro teremos a última sesión do club por este ano. Contaremos coa presenza de Fina Casalderrey e Francisco Castro que nos falarán do seu libro, escrito a catro mans, O neno can (Galaxia, 2012) un conxunto de cinco relatos que nos falan con dureza e verdade dos dereitos básicos na infancia. Será, coma sempre, ás 12:00 da mañá na Biblioteca Municipal de Gondomar. Deseguido pódese ver é a guía de lectura para esa sesión.