Os pasados días 1 e 2 de abril dúas persoas da xunta directiva de Espazo Lectura viaxaron ata Ballobar para participar, convidadas polo Departamento de Educación do Goberno de Aragón, nas V Jornadas aragonesas de bibliotecas, lectura y escritura, nas que interviñeron escritores, bibliotecarios e especialistas de todos o estado que puideron compartir coas 200 persoas asistentes dous días intensos de debate e reflexión arredor das bibliotecas e da lectura.
O sábado 1 de abril ás 11:00h, Rosana Estévez, vicepresidenta de Espazo Lectura, ofreceu na Biblioteca Municipal de Ballobar unha sesión de contacontos baixo o título Contando cocodrilos. Ás 16:30h Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, presentou o proxecto de fomento da lectura que a asociación desenvolve no Val Miñor dentro dunha mesa redonda que tiña como obxectivo debater sobre o traballo coas familias.
Espazo Lectura fai unha avaliación moi positiva da súa participación nestas xornadas, non só polo feito de podermos presentar e difundir as nosas actividades fóra de Galicia, senón sobre todo pola oportunidade de coñecer de preto o traballo de fomento da lectura que se fai en Ballobar, unha pequena vila aragonesa na que naceu hai máis de quince anos o proxecto Leer juntos, unha iniciativa de dinamización lectora que recibiu numerosos premios e que constitúe un modelo de referencia no ámbito do fomento da lectura. Poder sentir a calor e a ilusión coa que “as nais de Ballobar” participan no programa Leer juntos e na organización das xornadas fíxonos sentir como na casa, xa que hai moitas semellanzas co espírito do proxecto que Espazo Lectura desenvolve en Gondomar.