Yaiza Peixoto, nova presidenta de Espazo Lectura

A asociación renova a Xunta Directiva e a Presidencia logo de máis de dezaseis anos de actividade
O pasado sábado 9 de marzo, Espazo Lectura celebrou unha Asamblea Xeral Extraordinaria de socios e socias que supuxo o comezo dunha nova etapa nesta emblemática asociación do Val Miñor -única en toda Galicia co seu perfil-, asociación recoñecida con galardóns como o Premio Irmandade do Libro da Federación de Libreiros de Galicia, o Premio Francisco Fernández del Riego da Asociación Galega de Editores, o 2º Premio de dinamización sociocultural Everest ou o Premio á Iniciativa cultural ou de fomento da lectura na Gala do Libro 2016.


Inicia a asociación este novo período de catro anos cunha significativa renovación do seu equipo directivo, coa saída de catro dos seus membros, entre eles a súa ata agora presidenta Beatriz Núñez, despois de dúas lexislaturas que viñeron marcadas, entre outras cousas, por unha pandemia e a reforma e o impulso ás instalacións da Casa da Lectura en Donas (Gondomar). En calquera caso, a nova presidenta, Yaiza Peixoto, secretaria estes últimos catro anos, dará continuidade a un proxecto que desenvolve toda a súa acción a prol da lectura e do libro en Lingua Galega redimensionando o espazo sociocultural de Gondomar e poñéndoo no mapa peninsular como un referente de fomento e dinamización cultural.


Con todo, ningunha das persoas que abandona a directiva se desvencella de Espazo Lectura, xa que permanecen formando parte do Consello Operativo (o órgano consultivo da asociación) ou na coordinación de actividades.


A oferta de Espazo Lectura
Antes da Asemblea Xeral Extraordinaria tivo lugar unha Ordinaria, na que se deu conta ante os socios e socias da programación de actividades deste último ano. Este feito resulta importante para explicar o gran ritmo de convocatoria dunha asociación que organiza un mínimo de dez actividades mensuáis (que serán máis cando se recupere a actividade de dinamización na Casa da Lectura nos próximos meses). Así, desde fomento da lectura para bebés ata dinamización lectora para adultos, pasando por unha ampla oferta para todas as idades, incluídas infancia e adolescencia. Espazo Lectura programa (tanto na Casa da Lectura como na Biblioteca Municipal de Gondomar) unha serie de citas coa lectura que se basean na regularidade e continuidade dun proxecto que acaba de cumprir dezaseis anos formalmente (e dezaoito desde o comezo do Contomar na Biblioteca Municipal, xermolo que todo o que viu despois).


A Casa da Lectura e o Museo do Conto
A Casa da Lectura, ubicada na parroquia de Donas, nunha antiga escola rural recuperada e rehabilitada no seu momento pola asociación, é un dos estandartes de Espazo Lectura polo valor que ten de habilitar espazos no rural, fóra dos núcleos urbanos de cidades e vilas, como motores de dinamización que achegan a cultura a todos e todas. Esta instalación, formada por dúas casas, unha a da propia escola de infantil e a outra como casa da mestra, tivo nos últimos anos unha necesaria reforma para adecuar os espazos e facelos acolledores e funcionais, grazas á implicación das institucións públicas, neste caso do Concello de Gondomar.


Forma parte esta Casa dun proxecto máis amplo e ambicioso, o Museo do Conto, unha iniciativa pioneira en Galicia para á que se realizou un proxecto arquitectónico que se desenvolvería por fases da man do arquitecto Vicente Pintos. Arestora, a reforma xa concluída da Casa da Lectura e da Casa da Mestra, pode entenderse como unha primeira fase á que se intentará dar continuidade en anos vindeiros para darlle forma definitiva a un espazo especialmente relevante nun entorno rural.


A importancia do apoio institucional
Para poder desenvolver tanto este proxecto como todas as actividades que se realizan ao longo do ano (máis dun cento) é fundamental o apoio loxístico e económico de todas as institucións. É importante destacar nos últimos anos o compromiso adquirido polo goberno municipal do Concello de Gondomar, que se materializou por exemplo na reforma da Casa da Lectura, para ir dando pasos cara a facer de Gondomar unha vila referente no eido da lectura e o libro. Nese sentido, a nova Biblioteca Municipal proxectada na Casa Peralba será, sen dúbida, un salto cualitativo e cuantitativo. Pero para poder continuar adiante, todas as administracións (goberno local, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e mesmo o Ministerio de Cultura) teñen un papel decisivo para ofrecer aos cidadáns espazos culturais diferenciados que atendan todas as necesidades e axuden a construir unha sociedade máis xusta e libre.


Tamén, porque Espazo Lectura é unha asociación sen ánimo de lucro que funciona a partir do traballo voluntario e desinteresado de moitas persoas (nestes momentos, máis de trinta) é importante o establecemento de convenios económicos estables que permitan elaborar unha programación de calidade ao servizo de toda a veciñanza. Esa será outra das liñas que se intentarán consolidar para darlle regularidade e estabilidade a todo o traballo que se vén desenvolvendo desde a asociación. A asociación conta con socios e socias que aportan en cotas algo máis de 5000 euros anuais. Para a realización de todas as actividades, que inclúen visitas de autores e autoras, contacontos e moitos outros espectáculos (de música, teatro, recitais…) ademais dos materiais para elaboración das sesións por parte dos voluntarios e voluntarias, sería imposible sen a axuda das institucións, especialmente do Concello, que xa colabora en moitos momentos contratando espectáculos ou dando soporte, dalgunha maneira, para a realización de moitos actos. Por outra banda, está tamén continuar achegando á veciñanza este proxecto convidándoos a sumarse, participando e aportando, se é posible, a cota anual, para que cada vez o proxecto sexa de máis xente.


Un proxecto ilusionante
Espazo Lectura, desde aquel primeiro Contomar en 2006, mesmo antes de fundarse a asociación, ata agora, non perdeu, a pesar das dificultades, nada da súa ilusión inicial. A mostra é precisamente esa: unha nova directiva na que non queda ninguén daqueles e daquelas que iniciaron a andaina alá por 2008. Pero a asociación aí segue, dando pasos, convencida de que non hai mellor maneira de imaxinar unha sociedade mellor, máis crítica, solidaria e libre, que desde o colectivo e a cultura, desde a lectura e o libro. E iso, sen dúbida, é o máis gratificante de tanto esforzo e voluntarismo.


Nova Xunta Directiva de Espazo Lectura
Presidenta: Yaiza Peixoto
Vicepresidenta: Marta Fernández
Secretaria: Cristina Álvarez
Tesoureira: Cristina Rocholl
Vocais: Diego Atanes, Iago Leirós, Rita Fernández, Senén Costas, Silvia Camesella e Víctor Pérez.

WhatsApp Image 2024-03-09 at 21.02.31

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *