O martes 21 de abril, ás 20:00 horas, celebramos a sesión mensual do Club Lecturas Debuxadas, na que comentaremos Nómades, de Xosé Tomás. Contaremos coa presenza do autor a partir das nove da noite para comentar con el a súa obra.
Na sesión de marzo, o día 17, xuntámonos para cambiar impresións e comentar “Don Quijote”, do autor alemán Flix, editado por Dib>Buks. Coa inspiración ou guía da obra de Cervantes, Flix conta unha historia de persoas e lugares, da trabada do progreso no rural e a da idade na mente do seu Alonso Quijano. Non nos costou nada desta vez pornos de acordo sobre o moito que nos gustara, o ben que enlaza co Quixote, a chea de detalles e guiños á obra e a outros autores…Un traballo no que se ve un cariño inmenso na descrición e tratamento das personaxes, da historia e da novela da que colle título e inspiración. O debuxo de Flix, sinxelo e fácil, pero moi expresivo, dálle a esta BD o toque final para considerala unha grande obra, que nos chega despois de ser publicada en entregas semanais no periódico alemán Frankfurter Algemeinen Zeitung. Estas son as imaxes dese día.