Na noite do sábado 25 ao domingo 26 de maio de 2019 Espazo Lectura vai organizar, no CEIP Serra Vincios, a Noite na Biblioteca, que este ano vai estar ambientada na maxia e feitizos da famosa saga de J.K.Rowling, Harry Potter. Como nas pasadas edicións, contaremos coa colaboración dos membros do Comando Le como monitores e monitoras e poderán inscribirse nenos e nenas que estean cursando este ano Educación Primaria e que participasen ao longo do curso nas distintas actividades infantís de Espazo Lectura (Casa da Lectura ou Club de lectura compartida Lendo Contigo), ou sexan fillos e fillas de socios de Espazo Lectura.
Para inscribirvos podedes enviar un correo a espazolectura@gmail.com ou chamar ao teléfono 669244966. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. O prazo para inscribirse remata o xoves 16 de maio. Logo de enviar a vosa solicitude, debedes agardar unha confirmación da praza.
Os nenos e nenas que participen chegarán ao CEIP Serra Vincios (A Serra s/n) o sábado 25 de maio ás 21.30h, logo de cear, e estarán listos para que os recollades o domingo 26 ás 10.00h. Deben traer saco de durmir, lanterna, un pixama, una muda e as súas cousas de aseo; pero estade atentos, porque é posible que recibades algunha indicación máis cando chegue a Hogwarts a noticia deste acontecemento!
Como veñen ao colexio despois de cear, non teñen que traer comida, aínda que se agradece que, se podedes, traiades algún biscoito para o almorzo. E por último, teñen que traer moitas ganas de divertirse e pasalo ben para esa noite máxica chea de feitizos e encantamentos!