O escritor Manuel Portas participa no club de lectura Sete Vidas

O martes 2 de novembro, celébrase unha nova xuntanza do club de lectura Sete Vidas.

Nesta ocasión, a novela escollida é Denso recendo a salgado do autor nado en Barcelona Manuel Portas.

Será na Biblioteca de Gondomar a partir das 20.00 horas.


Contaremos coa presenza do autor

A partir das 21.00h o propio autor, Manuel Portas, achegarase para compartir as impresións dos lectores e lectoras sobre o libro.

O libro

Denso recendo a salgado (Xerais, 2010) son os fragmentos dun espello escachado por un golpe; as páxinas dunha intensa novela con moitas novelas dentro; unha historia de historias fragmentarias e ocasionais, tecida con fíos multicolores de personaxes que se entrelazan dende unha aparente desconexión inicial para acabar nunha frenética sinfonía vital, tráxica e vibrante, trepidante, delicada, por veces romántica, e a un tempo crúa e dura como a realidade que lle serve de marco de referencia.

Ao longo da novela, aparecen vidas anónimas e singulares que teñen en común a pertenza a unha xeración de mozos e mozas nados nunha vila mariñeira que podería ser calquera das que se deitan na Ría de Arousa. Coas súas mudanzas de ritmo, cos panos de fondo das bateas, do narcotráfico e de Compostela, Denso recendo a salgado e como unha montaña rusa que nos fai sentir a vertixe da existencia.


O autor

Manuel Portas (Barcelona, 1960) é profesor de lingua e literatura galegas no ensino medio compostelán. Amais da súa colaboración en obras de carácter didáctico e publicacións de tipo pedagóxico, é coñecido polo seu labor no campo da análise sociolingüística, onde salienta Lingua e sociedade na Galiza (1990), obra de referencia obrigada na sociolingüística galega. Colaborador habitual da prensa compostelá, a súa dedicación á res pública levouno a participar en política e formar parte do goberno municipal de Santiago ao longo de dous mandatos. Denso recendo a salgado (Xerais, 2010) é a súa primeira novela.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *