Na tarde-noite do venres 27 de maio celebrouse a última sesión da tempada do club de lectura compartida Lendo Contigo, destinado a nenos e nenas de entre 8 e 11 anos e ás súas familias, que contou cunha asistencia media de 30 persoas ao longo de todo o curso.
Nesta última sesión a protagonista foi a Astronomía. A partir da lectura de Un veciño cheo de sorpresas, unha historia que a través da ficción introduce diferentes conceptos relacionados co Universo, escoitamos na Biblioteca Municipal unha pequena e interesantísima charla de introdución á Astronomía por parte Pancho Novoa, da Agrupación Astronómica Rías Baixas.
Na Biblioteca tamén fixemos o sorteo do libro co que inauguraremos a nova tempada tras as vacacións do verán: Golfiño e os invasores, de Fausto Isorna, que lle tocou a Elena. Precisamente foi Elena quen nos agasallou cun debuxo inspirado na lectura de Un veciño cheo de sorpresas para compartilo con todos os membro do club.
Arredor das dez da noite, fixemos unha merenda-cea no parque da Coelleira de Gondomar antes de dirixirnos ao monte Cepudo, preto do Alba, onde nos agardaba un equipo da Agrupación Astronómica Rías Baixas cos seus potentes telescopios.
O máis emocionante da noite comezou alí. Pancho e os seus compañeiros fixeron posible que identificásemos no ceo a Osa Maior, Leo ou Xémini; aprendéronnos a identificar a Estrela Polar e, o máis marabilloso, a través dos telescopios puidemos ver os aneis de Saturno! Tratouse dun peche de ouro para o club de lectura Lendo Contigo que volverá no mes de outubro.