Este martes 19 de outubro retomamos as sesións do club de cómic Lecturas Debuxadas. A partir das 20.00 horas, as persoas que queiran achegarse á Biblioteca de Gondomar poderán compartir impresións sobre a novela gráfica Contrato con Dios (Norma Editorial) do estadounidense Will Eisner, un dos grandes mestres do cómic mundial.
Contrato con Dios é unha das súas obras máis coñecidas e admiradas. Cando se publicou por vez primeira en 1978 cambiou o rumbo da historia da banda deseñada dando á luz a primeira novela gráfica, coa que o cómic entrou no mundo adulto con historias máis maduras e profundas. A edición de Norma Editorial recolle tres historias situadas nun mesmo barrio americano que amosan o Eisner máis conmovedor e universal.
En Viñetas desde o Atlántico, a gran cita galega do mundo do cómic que se celebrou do 9 ao 15 de agosto na Coruña, ofreceuse este ano unha gran retrospectiva deste clásico norteamericano. Tamén durante o verán soubemos que Contrato con Dios vai ser levado ao cine.