O Navegante de Tristán Ron, última lectura do ano no Lecturas Debuxadas

O martes, día 19 de decembro terá lugar a derradeira sesión do ano 2023 do Lecturas debuxadas de Espazo Lectura.

Nesta ocasión o cómic escollido é O Navegante. Unha viaxe a bordo da sala Nasa Ultratextos Documenta Chévere, de Tristán Ron.

É a historia da Sala Nasa desde a mirada dun neno, o propio autor, que se criou entre as súas paredes. Os membros do grupo de teatro Chévere convertiron un taller mecánico situado no barrio de San Lourenzo, en Santiago de Compostela, nun espazo de servizos artísticos. Trinta anos despois da súa apertura en 1992, O Navegante achégase ás historias que se cruzaron na Nasa, contadas desde a mirada dun neno que inevitablemente leva a historia a outra dimensión, transformando un relato autobiográfico nunha aventura de iniciación chea de elementos fantásticos.

Contaremos co acompañamento do autor mediante videoconferencia.

A sesión terá lugar na Biblioteca Municipal de Gondomar ás 20:00h e, se non podes acudir, poderás participar mediante videoconferencia. Para recibir o enlace envía un correo a lecturasdebuxadas@gmail.com.

Agardámoste!

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *