O 23 de abril, Día do Libro, Espazo Lectura, en colaboración co Concello de Gondomar, programou dúas actividades para público infantil e adulto.
Contos na Coelleira
A primeira delas foi unha acción lectora escolar, á que chamamos Contos na Coelleira, na que participaron 350 nenos e nenas de sete colexios da zona: CEIP Souto-Donas, CEIP Chano Piñeiro, CRA Antía Cal, CEIP Serra-Vincios, CEP Neira Vilas (Peitieiros), CEP de Sabarís e CEIP Carlos Casares (Vilariño).
A actividade comezou ás 10:30h no Parque da Coelleira, en Gondomar. En sete zonas habilitadas por todo o parque, os colexios compartiron contos uns cos outros. En cada punto, unha profesora de cada colexio contou un conto tres veces e os nenos e nenas, organizados en quendas, movéronse polo parque escoitando as diferentes historias. En cada zona foron recibidos polo voluntariado de Espazo Lectura que lle deu vida aos personaxes dos relatos que os nenos e nenas escoitaron: Nadarín, Carabuñas, O paxaro Pico, Rosa Caramelo, Rato Tom e rata Tomasa, O País dos mandóns e O gato na árbore.
Con esta actividade Espazo Lectura quixo celebrar o Día do Libro sacando os contos a un espazo público co obxectivo de visibilizar a lectura e crear espazos e tempos para ler e compartir lecturas, como xa fixo noutras accións lectoras anteriores como a Sentada Lectora de abril de 2012 ou o Asalto poético de xaneiro de 2013. Ademais, Espazo Lectura pretendeu tamén que na Semana do Libro e a Lectura 2013 tivesen un protagonismo especial os colexios, piar fundamental no fomento da lectura e dos hábitos lectores na nosa sociedade.
GondomarTV emitiu a seguinte reportaxe sobre este evento.
Lecturas Debuxadas coa presenza dos autores Inacio Vilariño e Iván Suárez
O propio día 23, á noitiña, celebramos na Biblioteca de Gondomar unha sesión especial do club de cómic Lecturas Debuxadas coa presenza do guionista e mais do debuxante de Titoán, a banda deseñada proposta como lectura deste mes.
Estas son as imaxes dese día: