O martes 8 de maio na Biblioteca Municipal de Gondomar ten lugar a cita mensual co club de lectura Sete Vidas. Nesta ocasión, os lectores e lectoras que queiran achegarse á biblioteca poderán falar arredor da última novela de Víctor Freixanes, Cabalo de ouros (editorial Galaxia). A actividade comeza ás 20.00 horas.
Contaremos coa visita do autor
A partir das 21.00 horas, Víctor Freixanes achegarase á biblioteca de Gondomar para conversar sobre a súa obra coas persoas que acudan ao club.
O libro
Premio da Crítica Española 2010 de narrativa en lingua galega
O mundo de Vilanova de Alba, espello e metáfora dun tempo non tan distante, volve á literatura de Freixanes coa intensidade das lembranzas que nos sobreviven.
Unha partida de cartas. Unha historia de amor. A música da memoria recuperada nos vellos cantares da tradición oral. Na Galicia da posguerra, nos anos duros do wolfram, nun lugar apartado das serras, dous bandos enfróntanse nun envite de naipes que dura tres días e tres noites, e no que xogan a vida. [Presentación editorial]
O autor
Víctor Fernández Freixanes (Pontevedra, 1951) é doutor en Filoloxía Románica, pasou da docencia escolar ao xornalismo, de aí ao mundo da edición e, finalmente, á universidade. Actualmente é profesor de xornalismo en Santiago de Compostela, membro da Real Academia Galega e director de Editorial Galaxia. En 1980 gañou o Premio Modesto R. Figueiredo co relato “A caza das cascudas”. Posteriormente, coa súa primeira novela, O triángulo inscrito na circunferencia (1982) obtivo o Premio Blanco Amor. En 1989, publica O enxoval da noiva, novela que recrea a Roma dos Borgia, e en 1993 gaña o Premio Torrente Ballester con A cidade dos césares. Antes dera ao prelo Unha ducia de galegos (1976), fito na recuperación da memoria do galeguismo a través do xénero da entrevista, e Memoria dun fuxido (1980), baseada na vida do guerrilleiro Manuel González Fresco. En 2010 publica a novela Cabalo de ouros, co que obtivo o Premio Autor do Ano da Federación de Libreiros de Galicia.