O vindeiro sábado, 13 de marzo de 2010, ás 12:00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar, o escritor Xose Antón Neira Cruz estará connosco para participar na sesión do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo prevista para febreiro que tivo que ser adiada a causa do temporal.
O libro sobre o que vai xirar a actividade é Violeta non é violeta, publicado pola editorial Mc Millan.
O libro
Violeta non é violeta narra a historia de Violeta, unha nena de oito anos que só foi violeta o día que naceu. Agora é unha cativa normal e corrente que busca un nome para o seu futuro irmán, ao que a súa nai leva nunha barriga inmensa en forma de globo aerostático. Ante este acontecemento, Violeta teme que a súa nai a queira un pouco menos. Un libro que trata sobre os cambios que se producen no seo das relacións familiares, as inseguridades e os afectos analizados desde o punto de vista dunha nena.
O autor
Xosé Antón Neira Cru naceu en Santiago de Compostela en 1968. É Doutor en Ciencias da Comunicación e Licenciado en Filoloxía Italiana. Ademais de escritor, foi tamén guionista de programas infantís na TVG, xornalista e fundador e director da revista Fadamorgana. A súa obra literaria, fundamentalmente dirixida ao público infantil e xuvenil, é moi extensa, destacando Ó outro lado do sumidoiro (premio Merlín 1988), Valdemuller (premio Barco de Vapor 1997), Os ollos do tangaleirón (premio Barco de Vapor 1999), As cousas claras (premio Merlín 2000), O armiño dorme (premio Raíña Lupa 2002), A noite da Raíña Berenguela (premio Lazarillo 2004), O punto da escarola (premio Barriga Verde 2008) ou Sopa de xarope de amora (premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2009).