A sesión do 15 de febreiro do Club Lecturas Debuxadas foi especial xa que visitamos a Melo na súa tenda Banda Deseñada.
Melo falounos das razóns que o levaron a ter unha tenda especializada na banda deseñada, de todos os pros e os contras cos que se atopa no traballo diario. Contounos os problemas da distribución do cómic e comparouno co resto do sector do libro, no que matizou as grandes diferenzas entre unha librería xeralista e unha especializada. Botou abaixo o mito do libreiro que pasa o día enteiro lendo pero si asegurou que a lectura dos cómics acaba sendo un traballo que ten que realizar na súa casa para poder recomendar os mellores libros para cada cliente e poder facer as recensións no blog.
Explicounos como ten estruturada a súa tenda en función do tipo de cómic: europeo (franco-belga), manga, Estados Unidos (superheroes e o cómic para adultos), o cómic español e a banda deseñada galega; e en función do autor. Aínda que o criterio final é o “criterio Melo” que consiste en preguntarlle ao libreiro onde están os tebeos. A libraría tamén ten cabida para os xogos, figuras, camisolas…
Por último falounos da súa visión sobre o libro dixital e de como pode afectar ás librerías especializadas.
Durante a charla deixou caer varios títulos de banda deseñada: Balas perdidas, Agujero negro, Watchmen, Maus, Persépole; e autores como Alan More, Moebius, Manara, Larcenet… Comentou por riba o tema da “novela gráfica” e como se atribúe a títulos que nun principio foron concebidos doutra forma. E fíxonos un par de recomendacións dalgúns cómics que lle gustaron moito, escollendo algún libro dos andeis:
– Balas perdidas, de David Lapham
– El señor Jean, de Philippe Dupuy e Charles Berberian
– Diario de un álbum, de Philippe Dupuy e Charles Berberian, onde conta o proceso de creación de El señor Jean.
Quedaron atrás algunhas cousiñas de todas nas que anda o Melo, pero serán para outra ocasión.
Podedes ver tamén as súas colaboracións para culturagalega.org en Melodixit.
Aquí podedes ver algunha foto da sesión.
E non nos esquecemos de agradecerlle a Eva o marabilloso agasallo que nos fixo: