O sábado 26 de febreiro terá lugar a sesión mensual do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo, dedicado a nenos e nenas de 8 a 12 anos, e seus pais e nais, e organizado por Espazo Lectura.
Nesta ocasión, o libro que centrará a sesión é Cama e conto (publicado por Edicións Xerais), do escritor Gonzalo Moure.
A partir desta historia, que reflexiona sobre a importancia da lectura en familia dende a infancia, a sesión profundizará no mundo do libro: que é un libro, a evolución do formato libro ao longo da historia, a autoría e tradución, a edición e distribución, o prezo do libro, etc.
A cita é o sábado ás 12.00 horas na Biblioteca de Gondomar.
O libro
Cama e conto conta a historia de Malva, unha nena á que lle encanta que os seus pais lle conten contos antes de durmir, ata que aprende a ler e nada volve ser coma antes.
Unha historia que reflexiona sobre os vínculos afectivos que se crean a partir da lectura e sobre a importancia de acompañar os rapaces nesta actividade ao longo de toda a infancia.
O autor
Gonzalo Moure (Valencia, 1951) estudou Ciencias Políticas e exerceu o xornalismo, fundamentalmente na radio, a principios dos anos setenta. En 1989, pasou a dedicarse integramente á escritura. Actualmente vive en Asturias. En 1991 publicou a súa primeira novela, Geranium, que foi incluída na Lista de Honra do IBBY. Desde entón obtivo numerosos premios polas súas obras de literatura infantil e xuvenil. ¡A la mierda la bicicleta! (Premio Jaén 1993), Lili Libertad (Premio Barco de Vapor 1995), Maíto Panduro (Premio Ala Delta 2001), El síndrome de Mozart (Premio Gran Angular 2003)…
En lingua galega publicou títulos como O bocexo do puma, Palabras de Caramelo, Eu, que matei de melancolía ao pirata Francis Drake, A noite do Risón ou Cama e conto.
Mantén a páxina web http://www.gonzalomouretrenor.es/