Dende Espazo Lectura damos a benvida e agradecemos a súa colaboración e compromiso co noso proxecto de dinamización lectora a Baía Edicións, que se incorpora como socio protector da asociación.
Baía Edicións é unha editorial galega de carácter xeralista fundada na Coruña en 1990. Leva desde entón editando obras de grande interese nas súas moitas liñas editoriais: libro de texto, contos infantís, xogos, literatura xuvenil e de adultos, ensaio, filosofía, gastronomía, divulgación da natureza, etc.
Os socios protectores de Espazo Lectura son, segundo os propios estatutos da organización, “aquelas persoas físicas ou xurídicas que, a xuízo da Xunta Directiva, contribúen materialmente e de forma notable ao sostemento da asociación”. Baía Edicións súmase así a outras editoriais que xa forman parte de Espazo Lectura como El Patito Editorial, Ir Indo, Rinoceronte, Patasdepeixe, Edicións do Cumio, Galaxia, Kalandraka, OQO, Rodeira e Xerais. Deste xeito, entre editoras, entidades culturais como Berrobambán ou Vichelocrego Teatro, e centros de ensino, Espazo Lectura suma xa 23 socios protectores aos que a asociación lles quere expresar o agradecemento polo seu apoio.