“La isla” no Lecturas Debuxadas

No Lecturas Debuxadas despedimos o ano coa banda deseñada La Isla de Mayte Alvarado (Reservoir books). Os habitantes da illa viven baixo a ameaza de que, segundo un conto de mariñeiros, unha gran onda chegará un día para arrasar todo ao seu paso. Mentres, os personaxes deambulan pola paisaxe: unha moza, un home e un can. O debuxo é moi expresivo e de enorme beleza e ten unha enorme capacidade de transportar a un universo de poesía visual.

A sesión será o vindeiro martes día 13 de decembro ás 20:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar e contaremos coa presenza da autora mediante vídeoconferencia. Se queres participar mediante videoconferencia, envía un correo a lecturasdebuxadas@gmail.com

Coincidindo co vixésimo aniversario da catástrofe do Prestige reunímonos o pasado día 15 de novembro na Biblioteca municipal para comentar o cómic A Conta atrás (editorial ecc), con guión de Carlos Portela e debuxado por Sergi San Julián. É a segunda vez que lemos esta obra no Lecturas Debuxadas, en xuño de 2009 só estaba a primeira parte, e nesta ocasión puidemos gozar da obra completa e coñecer, de primeira man, cales foron as vicisitudes que ocasionaron a enorme tardanza.

A historia comeza un ano despois do accidente dun petroleiro que causou unha gran marea negra coa campaña publicitaria por parte do goberno autonómico anunciando a recuperación da costa e do sector pesqueiro. A partires de aí vanse contando todos os acontecementos en sentido inverso, aparecendo retratados todos os actores: mariñeiros, xornalistas, comerciantes e voluntarios.

Contamos coa presenza dos autores que nos deron moitos datos que aportaron verosimilitude ao que, os que estabamos alí, recordabamos por telo vivido en primeirapersoa. Foi unha sesión moi interesante e é unha obra necesaria para recoller unha memoria colectiva que as novas xeracións descoñecen.

Img Conta atrás1

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *