Primeira sesión do Comando Le este sábado 28

Este próximo sábado 28 de outubro, de 20:00h a 22:00h, a Biblioteca Municipal de Gondomar acollerá a primeira sesión da tempada do Comando Le, o grupo de activismo cultural que Espazo Lectura organiza para rapaces e rapazas de máis de 12 anos.

Esta primeira sesión permitiranos facer unha presentación da actividade para as persoas que asistan por primeira vez, ao tempo que servirá como reencontro das persoas que xa participaban en tempadas anteriores.

Se tes máis de 12 anos e queres reflexionar e achegarte a diferentes temas, con outra xente da túa idade, a través da conversa, do cine, das excursións, das charlas e obradoiros con escritoras e escritores e, por suposto, dos libros e a lectura, anímate a vir este sábado ás 20:00h á Biblioteca Municipal de Gondomar.

En canto estea operativa a Casa da Lectura de Donas volveremos facer alí as sesións. Agardamos que poida ser en breve.

Deixámosvos a continuación as imaxes da sesión coa que pechamos a tempada anterior: unha excursión que nos levou primeiro a Padrón, para visitar a Casa Museo de Rosalía de Castro, e posteriormente a Rianxo, onde visitamos a Casa Museo de Manuel Antonio e o Museo do Mar. Logo de xantar, os comandoleiros e comandoleiras, organizados por equipos, realizaron un xogo de pistas que lles permitiu facer un roteiro polos principais referentes literarios e culturais da vila.

Vémonos o sábado na Biblioteca!

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *